Tuesday 30 de April de 2024

O concello compra dúas parcelas para aperturar unha nova vía que dea acceso rodado á rúa das Escaleiras en Bandourrío


O Concello de Riveira vén de proceder á compra de dúas parcelas de 209 e 115 metros cadrados co fin de aperturar unha nova vía que permita o acceso á rúa das Escaleiras situada no barrio de Bandourrío. O custe destas adquisicións ascende a un total de 30.000 euros.

Actualmente, o único punto de acceso a esta zona, formada por unha decena de vivendas, consiste nunha empinada escalinata de 46 peldaños que enlaza coa rúa Manzanares, o que impide a chegada de calquera tipo de vehículo, nin particular nin de emerxencias, cos conseguintes inconvenientes para os veciños que alí residen.

Agora, coa compra das dúas parcelas se poderá construír unha segunda vía sen obstáculos arquitectónicos que una a zona en cuestión coa rúa Carqueixa e, a través da mesma, coa rúa Romero Ortiz.

Esta era unha demanda veciñal que xa se tentou levar a cabo fai un ano infrutuosamente, pero que agora por fin xa é unha realidade.